sexismo

Teño un primo ionqui e pintor. No meu pobo, é un tipo respectado por un par de xeracións que saben da mestría que usa para sobrevivir. Unha noite saín de copas con el. Fumamos, bebimos e falamos de arte abstracto. Antes de marchar, convideino a un bocata de salchichas no posto que decidiran abrir os de Protección Civil ao carón das discotecas que máis tardaban en botarnos a patadas. Ao día seguinte, eu tiña un compromiso familiar na Igrexa Parroquial. Non lembro se era un bautizo ou un funeral, para o caso é exactamente o mesmo. Viume saír da Igrexa coa camisa por dentro dun pantalón de pinzas. “Joder, primo, dáslle a todo”, díxome el que leva na cara todas as embestidas dos oitenta.

“Dárlle a todo” pode subministrar pracer ou mágoa, bos resultados ou resacas de cartón pedra. Usain Bolt almorza con ñame, un tubérculo saudable, para despois saturarse de nuggets. Aí “dárlle a todo”, proporciona pracer e arterias contrariadas, por exemplo. Albert Rivera, “por desbloquear España”, decide abrazar a calquera ao que previamente insultou dende un atril. Neste caso, compaixón. Rajoy asina pactos anticorrupción: desconcerto. Tamén está quen decide “darlle a todo” cun só xesto; un aceno desafortunado que consigue que pases á historia con ridiculez; a foto na que Feijóo agarra unha mangueira será a foto máis compartida cada vez que arda un monte. “Non se deben esquecer insultos así”, tuiteaba alguén.

Quedar ben con todo o mundo é antinatural, ademais de aburrido. Claro que si. Pero sobrepasar o límite da ética coñecendo de antemán as consecuencias negativas que traerá o que fagas dá náuseas. Estas semanas de Xogos Olímpicos, nos que ademais de suor se vía carne dura, editores cachondos decidiron apostar por batir o récord habitual de “gústames” e rechíos deixando atrás á cordura. Titulares e imaxes que informaban das “olímpicas máis sexys”, de “porteiras de balonmán gordas”, de mireias belmontes en posturas comprometidas. El Mundo saltaba “de “buenorras internacionales” a “atletas olímpicamente atractivas” coa mesma destreza coa que Nadia Comaneci facía das paralelas variñas máxicas. As mulleres deportistas –que foron as que incharon o medalleiro- vían o seu esforzo reducido a decisión editoriais tóxicas de sementais. Os editores sórdidos, con babas brancas nas comisuras, deixaban pasar a indecencia comentándolle ao seu equipo: “Dádelle cara adiante, joder, xa veredes a que se monta. Vai a entrar todo Cristo”. Os mesmos que en páxinas de sucesos recollen casos variados de mulleres maltratadas definindo ao artífice das humillacións practicamente de psicópata. Dárlle a todo. A capa que separa o machismo destas prácticas ten o mesmo grosor que a dun condón ultra sensitivo.

Hai insensatos que tan só aspiran a ser xenros ideais; que aparentan todo o rato. Quizais inconscientes, só se fan dano a eles mesmos. Logo están os que andan por aí usando o cinismo para facer xornalismo de mentira. E nos cargan de monstruos. Polo menos o meu primo, ionqui e pintor, que sempre lle deu a todo, tan só pinta paisaxes deconstruídas.

Publicado en Praza Pública_ http://praza.gal/opinion/3522/darlle-a-todo/

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s