Publicado en Xornal de Galicia o 24 de xullo de 2010

Aos indios sirionó que habitan os bosques das terras baixas de Bolivia tanto lles ten copular diante doutras persoas, fano sen miramentos; en troques, vólvense completamente receosos de seren sorprendidos comendo en público. Os galegos, tribo pervertida e occidental, non copulan en público–ou si, co medo morboso de ser cazados por unha lanterna municipal–, pero non dubidan en organizar xuntanzas subvencionadas para degustar pratos “en proxección” con centos de persoas facendo o mesmo e ao mesmo ritmo. Queda claro que a vergoña é unha cuestión cultural.

A tribo boliviana da que falamos comunícase a través dun idioma minoritario pertencente a unha subfamilia de linguas, a tupí-guaraní, que se falan –ou falaban– en boa parte das terras de América do Sur. O idioma sirionó, falado hoxe en día por preto de catrocentas persoas, está, igual que a estirpe, en perigo de extinción. Segundo os estudosos desta sociedade indíxena, os sirionó están considerados polos seus veciños unha tribo inferior; incluso outros pobos da zona lles chaman con despeito chori, que significa “do monte”. Na selva galega o idioma de seu ten forza, é falado, escóitase; aínda así, a súa utilización segue a ter connotacións sociais tan danosas coma ridículas e tan prexudiciais coma impensables nos tempos nos que andamos. Nalgúns contextos sociais o idioma galego aínda segue a estar deostado e, o que é peor porque ataca ao noso inconsciente, segue a estar non-suxerido, convídasenos hipnoticamente a non falalo porque non-é-o-lugar-axeitado. Fáisenos crer a través de precociñadas sensacións que neses lugares a utilización do galego non é lexítima, que queda mal, que podemos parecer chori. E iso asústanos, dubidamos (fáisenos dubidar) e empregamos tempos compostos temendo ser excomungados dese círculo social porque diso depende, por exemplo, a activación dun negocio, un proxecto ou a extensión dunha receita acaída. A lingua non está sometida a normas de protocolo; non é unha gravata rechamante nin un vestido de cóctel vermello nun enterro. É educadamente libre.

Xa é redundante advertir que somos nós mesmos, primeiro, os que temos que pór en valor o idioma e tamén dicir que precisamos que as esferas influentes nos secunden. Pero segue a ser necesario. Empresarios, líderes de opinión, eses sectores da sociedade onde a lingua está contida, teñen que esforzarse por crear un clima axeitado para que nós non nos sintamos “suxeridos” a non falala.

O escrúpulo é un aceno contaxioso que pode fulminar tradicións, ideas e engurrar idiomas. Non dicir o que pensas por temor ao escarnio público é antipersoal aínda que, en certas ocasións, prudente. Non dicilo no idioma que che apeteza sabendo que vas ser perfectamente comprendido é produto, entre outras cousas, dunha paranoia individual forxada a partir dunha afronta colectiva.

Os sirionó teñen unha autoridade tradicional –o ererecua– que controla, sobre todo, a xefatura moral da comunidade. Así e todo, as decisións tómanse colectivamente, en conxunto, tentando preservar a súa dignidade. Teñen claro cal é o papel da tribo.

http://www.xornal.com/opinions/2010/07/23/Opinion/lingua-papel-da-tribo/2010072319405900982.html

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s