As figuras efémeras
Este mes de xaneiro Marilyn Monroe volverá a ser efémera. As autoridades de Harbin, unha capital de provincia do noroeste chinés na que se celebra un popular Festival da Neve, anunciaron que a tentación que vive arriba terá unha escultura de seis metros modelada en xeo. Conxelan aquela pose sobre o respiradeiro do metro. O representante da loira tivo que ter rexistrado esa postura e cobrar cada vez que o aire de calquera rúa levanta un vestido. Non coñezo a temperatura ambiente de Harbin nin canto tempo manterán de pé a esta Marilyn de granizado pero volverá a morrer a unha curta idade porque ela decidiu facelo así sempre que a reviven. Unha nova figura efémera entra na lista. Como as figuras do Belén que perden a súa función durante un ano para ser envoltas nun xornal desfalecido (a resistencia da prensa en papel…), a figura dun ciclista acusado de dopaxe, a de Lladró que empoeira no faiado, Marichalar, Urdangarín,…
A monarquía española ensaia xa en privado os falsetes da súa propia misa de réquiem por se o titular soñado pola inmensa minoría aparece filtrado na prensa rosa. Intuímos en cada membro da real familia unha pinta de pílula de Nembutal e notámolos psicoticamente desgastados, entallados, aletiziados; parecen mortais. Rouban, alternan, encubren, saen salpicados en repasos a Bárbara Rey, seguen sen traballo…
Seguro que un chisco de culpa tiveron as señoras que logo da visita dos monarcas declaran sempre emocionadas que o máis lle gusta deles é “a súa normalidade”, elas foron as que traspasaron a barreira magnética da Zarzuela. Conseguiron adulterar aquela anacrónica sensación de intocabilidade e republicanizaron as maiúsculas dos seus nomes facéndolle crer que eran coma nóos. E agora, vivindo nunha vulgaridade aínda insuficiente, son máis vulgares que nunca. Veremos aos pequenos infantes nalgún reality para adolescentes provintes de familias desestruturadas?
Logo do último barbitúrico do Rei en Noiteboa, comprenderán vostedes que done parte da miña herdanza para que os operarios do Museo de Cera retiren as figuras da familia real de Palacio. As de cera, as que derreten, están na Zarzuela. E coa cera que sobra que lle fagan a Marilyn as ingles.